“Parabéns Teto”: desexar bo aniversario a un preso independentista como proba de “enaltecemento do terrorismo”
21 de octubre de 2020. Fuente: Nos Diario
Segunda xornada do xuízo na Audiencia Nacional a 12 independentistas galegos, para os que a Fiscalía pide 102 anos de prisión. Unha sesión a de hoxe na que declararon peritos policiais, o ex portavoz do BNG, Xavier Vence, e o responsábel de Organización nacionalista, Bieito Lobeira
“Parabéns Teto”. O fiscal vai ensinando nunha pantalla da sala da Audiencia Nacional que acolle o xuízo contra 12 independentistas galegos imaxes de diferentes persoas que ensinan un cartaz parabenizando o preso independentista Henrique Fialhega, Teto, polo seu aniversario.
“Estas fotos, que son?”, “Quen é Teto?”, “Este acto [o das fotos] está organizado por Ceivar, por Resistencia Galega, por Causa Galiza, por quen?”. Son as preguntas do fiscal ante as que a independentista que declara nese momento, Iria C, non pode evitar que se lle escape un riso e un “Como??” de perplexidade. A seguir, ela explicou que as fotos eran o que parecían: simplemente persoas que quería felicitar Fialhega polo seu aniversario.
Foi un dos momentos que se viviron na segunda sesión do xuízo que se desenvolve na Audiencia Nacional contra 12 independentistas galegos acusados de tecer un ‘entramado’ criminal para enaltecer o terrorismo. A Fiscalía pide 102 anos de cárcere e a ilegalización de Causa Galiza e Ceivar. A lupa do "enaltecemento" é o que ten, como un pozo sen fondo ou un caixón de xastre: colle todo o que queiras meter. E se a Fiscalía quere meter parabenizacións de aniversario como enaltecemento, pois enaltecemento (para o ficsla) é.
A sesión principiou coas declaracións de Afonso e Iria, de Ceivar, os 2 encausados que faltaban por facelo após que o resto pasasen a segunda feira por isto. Ambos incidiron en que os actos de recibimento de presos (situados no disparadeiro para construír sobre eles o esquelete da teoría do ’enaltecemento’) cumprían todos os requisitos legais establecidos.
A seguir foi a quenda das declaracións como testemuñas de Xavier Vence, ex portavoz nacional do BNG, e de Bieito Lobeira, responsábel de Organización, que xa saben o que é acudir á Audiencia Nacional por unha xuntanza con Causa Galiza.
E esa reunión volveu ser motivo das preguntas que lles fixeron na sesión de hoxe. Tanto Vence como Lobeira (este último declarou presencialmente na propia AN ) explicaron que a reunión tivera lugar no marco das conversas impulsadas polo BNG con diferentes axentes e organizacións galegas de cara a impulsar unha plataforma de “ampla base social” para a defensa dos dereitos da Galiza.
“Reunímonos con normalidade, sen nada que ocultar, como con outras organizacións, Causa Galiza que eu saiba non defende nada de uso da violencia”, indicou Lobeira. “Causa Galiza é unha organización política legal, coa súa actividade, e mantivemos unha reunión con ela”, explicou Vence.
O seguinte capítulo da sesión de hoxe correu a cargo de diversos membros das forzas de seguridade españolas, como por exemplo o instrutor da investigación a Causa Galiza. Un deles recoñeceu que a información sobre Causa Galiza recabábaa polas redes sociais da propia organización independentista, “a actividade non era clandestina”, recoñeceu; aliás dos seguimentos a militantes da organización independentista.
Outra das testemuñas da acusación, que investigaba as redes sociais da organización independentista recoñeceu que non sabía galego.
O instrutor da investigación trazou unha xenealoxía do independentismo para falar do Día da Galiza Combatente (outro dos puntos sobre os que a Fiscalía constrúe o argumento do ’enaltecemento’) no que falou de Nós-Unidade Popular, situou AMI como “ideada para captar novos combatentes” e afirmou que AMI disolveuse “tras a sentenza que consideraba terrorista a Resistencia Galega”.
O xuízo continuará esta cuarta feira.
Noticias relacionadas
- octubre de 2020 Galiza: Defender a terra non é delito!
- octubre de 2020 A Solidariedade nom pode ser ilegal: Posiçom de Ceivar perante o juizo da Jaro
- octubre de 2020 18 de outubro: manifestación nacional pola absolución dos 12 independentistas encausados na Operación Jaro
- octubre de 2020 Novas dúbidas sobre o proceso da ‘Operación Jaro’ a menos dun mes do xulgamento
- octubre de 2020 “O relato que escoitamos estes días na Audiencia Nacional é un pesadelo”
- octubre de 2020 Unha loita esencial