Eu estiven alí

24 de octubre de 2017. Fuente: Sermos Galiza

A Declaración de Virxinia (1776), facéndose eco dos principios ilustrados, dispón que o cidadán non pode ser privado dos seus dereitos "por ningún convenio" (ou sexa, por ningunha lei)

Por Anselmo López Carreira - Historiador

Foi por casualidade; estiven alí, en Barcelona, o 1-O. E foi tamén por simple coincidencia que o cuarto do hotel en que pernoctei de sábado a domingo daba precisamente sobre un colexio, habilitado como lugar de votación, de maneira que asistín a unha parte significativa da xornada de referéndum, do que podo dar cumprida fe.

Non vou repetir o que no seu momento fun fotografando e transmitindo, pois forma parte dunha crónica dabondo coñecida, senón tan só recalcar un par de observacións.

Ante todo a simple constatación de que si que houbo referéndum. E ademais –creo eu que por fortuna–, nin nese colexio nin na ampla zona do centro da cidade pola que me movín cheguei a ver as impresionantes escenas de violencia de que estamos informados. Tiven, por tanto, unha percepción parcial, pero coa que, a cambio, puiden constatar a normalidade en que se desenvolveu a votación: o colexio, ocupado desde o sábado, estaba abarrotado horas antes de comezar o proceso, e así estivo durante toda a xornada. Centos e centos de persoas depositaron a súa papeleta sen ningunha alteración, salvo a breve (iso si, intimidante) aparición de numerosos furgóns da policia española, que optaron por pasar de longo ante a imposibilidade de facer cousa peor.

Sorprendía o elevado nivel de civismo da cidadanía, alegre, ordenada, irreductible; tamén por veces nerviosa, sabedora da violencia exercida noutros lugares e flotando sempre no ambiente o temor da intromisión policial. Imperturbable, mantívose en fileiras durante horas na firme decisión de depositar o voto.

No resto da cidade como sempre: ningún signo de tensión, o comercio aberto, as terrazas cheas, turistas por todas partes. Grupiños con rojigualdas pasaban por aquí e por acolá, sen que ninguén os molestase. Ningún disturbio que requerise a presenza das forzas da orde. En contraste, unha gran pantalla no centro da Plaça de Catalunya informaba da violencia policial e dos seus intentos de pucherazo con imaxes ferintes.

O referéndum foi masivo. Algunha irregularidade?. Quen queira saber diso que se pase por Galicia en xornada electoral e contemple o panorama.

Non me cabe dúbida de que a consulta foi, ademais de lexítima (ou precisamente por isto), legal. No ordenamento democrático en que hoxe aquí nos movemos existe unha contradición in terminis entre os conceptos referendum e ilegal; son, en efecto, dous termos que se exclúen mutuamente. Se unha pretendida lei prohibe un referéndum, en puridade é esa lei a ilegal, non o referéndum, porque este non é outra cousa que o exercicio colectivo da liberdade de expresión , e esta constitúe un dereito inalienable da persoa e é inherente á democracia, de tal forma que existindo colisión entre un dereito previo, natural e universal e unha lei, é esta a que decae, perdida toda base de lexitimidade, sen a cal queda privada do fundamento imprescindible para ser unha lei democrática.

Isto é así cando menos desde que os homes da Ilustración argumentaron no século XVIII a base doutrinal do sistema democrático occidental, e foi este posto en práctica mediante as revolucións norteamericana e francesa, onde directamente beben as constitucións actuais.

A Declaración de Virxinia (1776), facéndose eco dos principios ilustrados, dispón que o cidadán non pode ser privado dos seus dereitos "por ningún convenio" (ou sexa, por ningunha lei) e entende que é función do goberno defender e facilitar o exercicio da liberdade, nunca conculcalo. A Declaración de Dereitos de 1789 cualifica esas liberdades cos termos de naturais (previas a toda formulación positiva), inalienables (non suxeitas a privación) e imprescriptibles (non se contempla o seu fin), cuxo límite só pode vir marcado polo mesmo dereito dos demais cidadáns. A Constitución francesa de 1791 engade a ese preámbulo a expresa disposición de que nin o poder lexislativo (o parlamento; non digamos xa o goberno) pode facer leis "que mermen ou dificulten" o exercicio dos dereitos fundamentais.

Toda a sucesiva doutrina democrática ata a actualidade nútrese desas fontes, e así a Declaración Universal dos Dereitos Humanos, proclamada pola ONU en 1948, nos arts. 19 e 20 establece como dereito fundamental o de expresión e asociación, garantindo a expresión e difusión de ideas «por calquera medio».

Mais botando unha ollada retrospectiva, comprobamos que o carácter natural de determinados dereitos non foi, como é lóxico, invención dos ilustrados, senón que estes sistematizaron e puxeron ao día no momento propicio ideas que viñan de moi atrás, unha longa tradición que nos levaría ata o século XIV, cando se puxo en circulación o principio do carácter ascendente do poder, obrigatoriamente procedente da vontade do pobo. A partir de aí iníciase o percorrido que formula os postulados do goberno xusto, aquel que se exerce en favor da comunidade e en nome dela, deixando de ser lexítimo o contrario, perdida a condición de verdadeiro goberno e transformado en tiranía, asistindo entón aos cidadáns o dereito a derrocalo.

Unha lei que coarte o libre exercicio do dereito de expresión é ilícita, e o goberno que o faga convértese en poder tiránico, ilexítimo.


Noticias relacionadas

Versión PDF: Descargar artículo en PDF | Enlace permanente: https://info.nodo50.org/5947