O noso agosto negro

12 de agosto de 2014. Fuente: Publicado en Sermos Galiza

Cando aquel martes 12 de agosto de 1975 se coñeceu a nova do asasinato do militante da UPG Xosé Ramón Reboiras Noia, foron moitas as galegas e galegos que caeron na conta de que Galiza non era un xogo, aínda máis, decatáronse de que por Galiza morríase.

Porén non houbo tempo de chorar a este novo mártir do noso pobo, había que seguir a traballar para evitar que os efectos da represión non foran máis duros aínda. Tampouco había lugar para as dúbidas ou para que o medo paralizara a organización , agás o núcleo de Ribadeo que se escindiu ao completo da UPG, o conxunto da militancia da UPG luxouse en limpar locais con propaganda comprometida, en solidarizarse cos detidos, agochar militantes ou facilitar a saída a Portugal doutros destes.

"O conxunto da militancia da UPG luxouse en limpar locais con propaganda comprometida, en solidarizarse cos detidos, agochar militantes ou facilitar a saída a Portugal doutros destes".

As detencións comezaran o dia 11 no Concello de Guntín, coa caída de Xosé María Brañas e dos patriotas vascos Emilio Goitia e Iñaki Villanueva, pero será nos días posteriores á morte de Reboiras cando estas comecen o seu carácter indiscriminado. N´A Coruña son detidos entre outros, Manuel Naia, Carlos García, Fernando Suárez, Fernanda Cotelo, Amparo Carracedo, Xosé Manuel Fernández, Marisol Juárez, tiña só 16 anos, e Xan López Álvarez “Lito” que se enfrontaría a policía até rematárselle o cargador da pistola. Na cidade de Compostela correrían a mesma sorte Gonzalo Rei Chao, Asunción Múñiz, Marisa Vázquez e Manuel Fernández “Manolo de Remesar”. Na zona de Vigo ingresaran en prisión Xosé González “Pepiño de Teis”, Margarita Vázquez Veras, Xesúas Sanxoas Formoso, Xosé Luís Villaverde e Luz Rei Pousada. Lois Diéguez e Pedro Luaces serán detidos nas terras de Lugo e como moitos dos citados anteriormente brutalmente torturados, quedando ao cabo das semanas catro deles en prisión ate 1977, Xosé María Brañas, Xan López Álvarez “Lito”, Marisa Vázquez e Manuel Fernández “Manolo de Remesar”.

A estrutura que a UPG tiña organizada en Portugal, concretamente na cidade de Porto, onde mesmo gozaban do favor do Coronel Corbacho, máximo responsábel da rexión militar do norte, após o traslado a esta cidade da Delegación do Exterior unha vez exiliada Margarita Ledo así como a pericia pero tamén a valentía da militancia no interior abriu as portas ao exilio a unha chea de militantes desta organización. A nómina daquela comuna portuguesa da UPG estaba formada por Xosé Moa, Ramón Muñiz, Elvira Souto, Xoán Carlos Martínez, García Crego, Elsa Costas, Fernando Souto e Conchita. As canles con Portugal nunca deixaron de estar abertas após o 12 de Agosto de 1975, até o punto de que nas semanas seguintes xa comezou a chegar a Galiza propaganda dando contas dos feitos, propaganda que será traslada ao País, por quen xa era anteriormente á data fatídica o responsábel do Comité Executivo para o Exterior, Bautista Álvarez quen a introduce pola fronteira de Verín.

"A nómina daquela comuna portuguesa da UPG estaba formada por Xosé Moa, Ramón Muñiz, Elvira Souto, Xoán Carlos Martínez, García Crego, Elsa Costas, Fernando Souto e Conchita".

Cando analizamos hoxe, coa perspectiva que dan os 39 anos transcorridos, aqueles feitos non podemos menos que concordar que obxectivamente os mesmos remataran por reforzar o que daquelas coñeciamos como Movemento Nacional Popular Galego. Primeiramente polo que supuxo de crédito deste diante de amplos sectores do noso pobo, nun segundo lugar pola madurez que estes provocaron entra a militancia e xa por último polo que tiveron de clarificación interna da UPG e deito moi particular por ter testado que as debilidades políticas das persoas sempre xorden nos momentos de máxima dificultade. Á par disto, non é cuestión menor ser quen, co esforzo de quen durante este tempo lembrou a Reboiras, ter convertido a este militante nacionalista nunha referencia para quen acredita na liberación de Galiza.


Versión PDF: Descargar artículo en PDF | Enlace permanente: https://info.nodo50.org/5392