Nodo50, contrainformación en red. Servidor Alternativo.

17 de maio, día das letras galegas

Domingo 17 de mayo de 2020. Nodo50 | Descargar artículo en PDF

Fuente: Nos Diario

Lingua: Do "non lle foi tan mal" ao "foille peor"

Debaten Valentín García e Pilar García Negro. A Lei de normalización lingüística suma para o mes 37 anos sen ningunha mudanza, malia os varios intentos de reforma en sede parlamentar. Debería actualizarse?

Nós Diario pon sobre a mesa se é necesario actualizar a Lei de normalización.

María Pilar García Negro: A lei é de 1983 e continúa inmodificada. Ten eivas conxénitas e outras adquiridas. As primeiras dependen dun réxime constitucional estatutario que supón un corsé limitante e restritivo para a necesaria normalización da lingua e temos que facer constar unha falta absoluta de aplicación durante décadas. Unha lingua normal pertence a todas as clases sociais, serve a todas as funcións. Por tanto, o obxectivo da normalización da lingua galega é facela visíbel e ouvíbel social e publicamente. Esta misión importantísima da chamada autonomía galega non se cumpriu en absoluto ao longo destas décadas.

Aprobouse por unanimidade, en 2004, un Plano xeral de normalización da lingua galega, un belo documento, en papel, nada máis, que non se puxo en práctica nunca. En resumo, xuntouse a fame coa necesidade, pois temos unha sociedade infelizmente afeita por subordinación e imposición da lingua oficial do Estado a percibir a súa propia lingua como doméstica, rebaixada e supeditábel ao español. Temos tamén unha actuación dos poderes públicos absolutamente lamentábel e atrévome a dicir que mesmo ilegal, porque estes poderes públicos e esta autonomía galega nacen grazas a un elemento distintivo tan forte e tan contundente como é a posesión dunha lingua propia.

Valentín García: Coincido coa profesora García Negro nalgúns aspectos, aínda que a análise que eu fago é distinta. A de normalización, como todas as leis, debe modificarse, adaptarse aos tempos, pero a miña primeira diferenza con vostede está en que eu considero esta lei moi avanzada para o tempo en que lle tocou nacer. Un exemplo: asenta que a única forma oficial da toponimia na Galiza é a galega. Isto noutras comunidades non é así. Ademais, non podemos negar que puxo os alicerces para que o galego accedese a ámbitos en que o seu uso non era normal.

Á marxe de todo isto, hai unha parte en que coincidimos e aínda que considero que a lei ten percorrido, seguramente podería actualizarse, tendo en conta que as circunstancias sociais, socioecononómicas, culturais e mesmo lingüísticas de 1983 non son as mesmas que temos hoxe. As persoas que a redactaron, como Camilo Nogueira ou Ramón Piñeiro, non podían supor cal ía ser a realidade comunicativa hoxe, coas novas tecnoloxías, coas redes sociais, cos medios de comunicación... O galego, como calquera outra lingua no mundo, tivo que avanzar e terá que seguir avanzando.

García Negro: As evidencias falan por si mesmas. É unha lei que permite por activa ou por pasiva que haxa concellos dentro do territorio que durante anos -e esa foi unha batalla que nos custou caro- manteñen o nome deturpado; unha lei a cuxo abeiro se pode ditar un decreto de plurilingüismo que é o herdeiro daquel bilingüismo do franquismo que se usa como ideoloxema para impedir ou entorpecer a necesaria normalización do galego, a súa presenza normal e pública, a aclimatación en novos ámbitos; unha lei que, sendo lonxeva como é, permite que nesta última década se diten decretos que garanten a exclusión, por tanto a represión directa do galego, en ámbitos como na función pública ou prohibindo, expresamente co pretexto dun ensino mal chamado plurilingüe, a utilización do galego como vehicular en determinadas materias ou que utiliza directamente a conveniencia do alumnado de aprender inglés para sepultar aínda máis o galego. Case 40 anos despois, a evidencia flagrante imponse cando temos perante nós o que temos, unha mingua enorme no uso doméstico, familiar e primario do galego, e unha mingua, ou como moito estancamento, no uso escrito e visíbel fóra dos catro lugares rituais que non teñen menor efecto multiplicador. Non lle imos atribuír a unha lei capacidades máxicas, mais quen debe aplicala e con todos estes requirimentos non o fixo nunca e na última década houbo agresións directas. Podo citar a título de exemplo a denuncia recente do PP para eliminar a presenza do galego na orde relativa ás escolas infantís municipais da Coruña.

García: En relación á toponimia, houbo conflitos nalgúns concellos puntualmente, mais non podemos por iso xeneralizar e dicir que a lei non é o suficientemente clara. Outra cousa é que concellos, unilateralmente, en aras, creo eu, de non fomentar o conflito social non decidisen actuar con máis contundencia, pero a lei é tallante nese sentido. A respecto de que ten 40 anos, xa daquela moitas voces auguraban que era unha lei nefasta para a lingua. Eu creo que non lle foi tan mal nestes últimos corenta anos. Evidentemente, é unha lingua que segue tendo carencias e necesidades, mais tamén pasou moitas probas e tamén nos está dicindo que, aínda que non está nunha situación igual que o español, atópase con fortaleza nas redes sociais, nas tecnoloxías, nos medios... Corenta anos na vida dunha lingua non é un período tan longo.

Sobre a última década e o ensino, temos problemas de uso, que non de coñecemento, por iso sempre digo que o decreto non é tan nocivo como se di cando as estatísticas do ano 2018 recollen que 86% da poboación galega con maior ou menor medida sabe escribir galego. É un dato histórico. Ademais, o galego segue a ser maioritario, pois 51,8% fala só galego ou máis galego que castelán. Son cifras que non ten ningunha lingua cooficial dunha autonomía do Estado. Non hai ánimo de diminuír a proxección social da lingua e non se deixou de traballar con ela, creo que nese sentido Galiza pode estar orgullosa de como tratou a súa lingua. Evidentemente hai moitas cousas que facer e outras que se puideron facer mellor e nas que teremos que traballar no futuro.

García Negro: Á lingua galega na ultima década non lle foi mal, foille peor. Eu a Valentín pódolle supoñer a mesma vontade positiva a respecto do galego que teño eu. El ten responsabilidades gobernamentais que non temos o resto de cidadáns. Eu afirmo que o comportamento lingüístico do presidente da Xunta e de altos cargos é de perxuros. Dígoo rotundamente. A poboación no seu conxunto debe ter espellos onde poder ollar coa dignidade precisa esa súa fala que non se corresponde en absolutamente cunha maioría social galegofalante. Defendo que é fundamental o papel exemplar e exemplarizante dos poderedes públicos galegos e o cumprimento das leis ás que se deben. Con racións homeopáticas de galego non se soluciona.

García: Cre que no prestixio social do galego non se avanzou nos últimos corenta anos? Non me diga que non avanzou o emprego do galego nas Administracións públicas. Gustaríame saber cantas vistas orais nos xulgados, hai corenta anos, se realizaban en galego, cando hoxe nos xulgados de primeira instancia é algo moi habitual, sobre todo nas zonas vilegas e máis rurais.

García Negro: Se non chega a 5%...

García: Iso son as sentenzas. A vista oral, a expresión oral, é habitual que se faga en galego e castelán. Isto antes non se daba. O mesmo cando se vai ao médico; é máis habitual oír galego. O prestixio do galego nas Administracións e na comunicación medrou, outra cousa é que medrase o suficiente.

García Negro: Non hai un só indicador de uso público no idioma (xurídico, comercial, eclesiástico, mediático, administrativo, científico, publicidade, audiovisual...) onde poidamos falar dun fifty-fifty, dun teórico beatífico bilingüismo. Non existe. E todo isto empeora porque, a diferenza de hai corenta anos, a globalización ten o afán de nos converter en ovellas Dolly sen a existencia de pobos recoñecidos como tal.

En moitos ámbitos o galego funciona como lingua máis distante e estranxeira que o inglés, porque entenden que o inglés e o español son necesidades, son inevitábeis. Se esta necesidade non se crea de maneira gradual para o galego, a distancia, a indiferenza e a hostilidade colonizada van medrar. En chave histórica e usando unha frase sintética do doutor Freixeiro, son 700 anos de normalidade absoluta e 500 de conflito, porque hai conflito lingüístico. Un dos elementos do binomio, no noso caso, o galego, está nunha situación absolutamente inferiorizada, sepultada e sometida á exclusión directa. Os poderes públicos deberían prestarse a solucionalo.

García: Reverter unha situación así non é fácil e menos nunha sociedade complexa. Máis que de conflito, prefiro falar de linguas en contacto, cunha lingua a e unha b.

García Negro: Hai amores que matan. Prefire falar de cohabitación, mais aquí a lingua oficial da monarquía castelá unha vez constituído o Estado español como tal foi imposta con vías de execución eficacísima e absolutamente represiva sen a menor posibilidade de escolla. Esa herdanza historica é a que hai que reverter a prol do galego.

García: Unha lingua é moito máis forte que todo iso porque responde ao ADN dun pobo. Resiste moitísimo máis do que poida parecer. Cando me din que na Coruña se fala moito menos galego eu pregunto cando se falou moito galego na Coruña.

García Negro: Falouse moito galego como en calquera outra cidade ou vila. Acontece que era un galego popular, coloquial, doméstico, confinado, por usar unha palabra que xa usou Carvalho Calero.

García: Tamén é certo que hai 150 anos, Pondal escribía o de "Miniñas da Cruña... falade, miniñas, falade galego" e iso é porque as meniñas da Coruña, daquela xa non falaban moito galego, ou polo menos algunhas meniñas da Coruña. E quen di A Coruña di calquera outra cidade.

García Negro: Mais a Xunta actual pode reverter a situación de hai 150 anos ou terá que atender a situación actual do galego?

García: A Xunta actual non ten unha variña máxica que poñer toda a xente que fala castelán a falar galego. Estes procesos son complicados, lentos.

García Negro: Razón de máis para que non só a lexislación, senón a práctica política dos poderes públicos galegos, coa Xunta en primeiro lugar, camiñen na dirección adecuada e positiva: o uso mínimo das leis existentes, aínda que sexan insuficientes, para facer progresar o galego, e iso nin existiu nin existe.

Temos que concluír.

García: Non quixera facelo sen verter unha reflexión sobre unha grande oportunidade que ten o galego e da que xa advertira Carvalho Calero, de quen é biógrafa Pilar. Refírome á aproximación á lusofonía e a utilidade que ten. Nese sentido, aprobamos a Lei Paz Andrade.

García Negro: A respecto da lusofonía, tan de moda agora, a Lei Paz Andrade é unha entelequia. O seu texto non ten a menor consecuencia práctica, como se non existise. Carvalho indicou que hai que gañar ou recuperar para o uso normal do galego sectores sociais que hoxe teñen como lingua normal o castelán. Con el, eu conclúo apelando á práctica da nosa lingua. Esta é a tarefa á que debemos convocar, con toda pedagoxía, amor, respecto e afán que a causa da lingua merece.

García: A actuación dos poderes públicos é moi importante e seguirá a selo, pero eu creo que debemos socializar esa necesidade de considerar a lingua como elemento fundamental da nosa razón de ser como pobo e da nosa propia idiosincrasia. É importante saber que a Galiza que somos e que a autonomía que temos é, en bo grao, polo noso idioma. A chave está en saber transmitir que é útil, que abre portas e que nos pon en contacto con 250 millóns de falantes no mundo.

De Carballo a Carvalho. Percurso pola vida e obra de Ricardo Carvalho Calero. Documentario realizado pola AGAL e emitido na TVG

A fala (letra: Manuel María; música Uxía- Sérgio Tannus)

Versión PDF: Descargar artículo en PDF | Enlace permanente: info.nodo50.org/6248