Nodo50, contrainformación en red. Servidor Alternativo.

Huelga General de septiembre de 1972 en Vigo

Viernes 7 de septiembre de 2012. Nodo50 | Descargar artículo en PDF

1972 será recordado en Vigo como el año en que miles de trabajadoras y trabajadores se levantaron contra el franquismo en diversas huelgas generales, rompiendo al mismo tiempo con las direcciones políticas y sindicales reformistas.

Especialmente larga, masiva y revolucionaria fue la de septiembre, de la que se cumplen ahora 40 años.

Reproducimos un trabajo elaborado por Manuel Mera en octubre de 2001.

Al mismo tiempo adelantamos que se están preparando en Vigo actos conmemorativos, de los que informaremos en nuestra agenda.

Cronología a grandes rasgos:

Viernes 6 de septiembre
El comité de empresa de Citroën Hispania reivindica la jornada de 44 horas en la negociación del convenio colectivo. Se convoca una jornada de lucha para el sábado.

Sábado 9 de septiembre
Por la mañana comienzan los paros parciales en Citroën para la reivindicación de las 44 horas. Por la tarde, la empresa comunica el despido a 5 trabajadores y expedienta a otros cuatro sindicalistas.

Lunes 11 de septiembre
A las seis de la mañana los trabajadores se concentran en la fábrica e inician una marcha hacia Reyman y Barreras para pedir la solidaridad de los trabajadores. Vulcano se sumó al paro y una manifestación recorrió la ciudad. Se pedía la readmisión de los despedidos.

Martes 12
A las seis de la mañana , las fuerzas policiales cargan contra los trabajadores de Citroën, que vuelven a tener el apoyo de Barreras, Freire, Refrei y Álvarez. Se producen las primeras detenciones. La empresa se niega a negociar la readmisión y la huelga se extiende a Vulcano, Santodomingo y Artiscar.

Miércoles 13
Llegan refuerzos de la policía armada de León y Valladolid. La concentración de trabajadores ante Citroën recibe una nueva carga represiva. A esas alturas, más de 10.000 obreros y obreras paraban en solidaridad con la plantilla de Citroën.

Jueves 14
Continúan las manifestaciones y la represión policial. Una carga en la Casa Sindical se salda con varios heridos. La policía llega a entrar en el local del sindicato vertical, pegando incluso a las y los funcionarios. Continúan las manifestaciones en la calle. Las empresas piden la mediación del Gobierno. Se suman a la huelga Plásticos de Galicia, Forjas del Miñor y unas 13 empresas más. Seis de ellas fueron desalojadas por la policía. Ya son 16.000 los trabajadores y trabajadoras en huelga.

Sábado 16
El transporte urbano circula con protección policial. Los detenidos por los «grises» se elevan a 66. Hay ya 27 empresas en paro.

Miércoles 20
Llamamiento de las empresas para que los obreros reanuden su actividad, bajo amenazas. Al día siguiente, 5.000 trabajadores reciben cartas de despido. Tienen un plazos de tres días para pedir la readmisión y dejar la huelga. Sólo un 10% pide la readmisión. Ferrol se manifiesta en solidaridad con Vigo. Hay 21 detenidos. El ministro de Relaciones Sindicales, García Ramal, anuncia un rápido desenlace del conflicto.

Lunes 25
Los trabajadores de algunas empresas se incorporan a sus puestos. Siguen los despidos de obreros y enlaces sindicales.

Organización Obreira e as loitas de 1972 en Vigo
Manuel Mera

Sen dúbida 1972 foi un ano transcendental pra Galiza, un ano en que o movimento obreiro e estudantil, as forzas máis dinámicas da sociedade, puxeron contra as cordas a un réxime acabado: o franquismo. É verdade que despois das folgas de setembro en Vigo a represión desmantelou as organizacións políticas e sociais da oposición clandestina, pero foi unha queda conxuntural, que en troques xerou o alongamento da loita activa a novos sectores da povoación contra a ditadura, que se converteirian en enxurrada coa morte de Franco en 1976.

Fálase de abondo do 72 nalguns ambientes, mais son acontecimentos descoñecidos para a mocidade e, asi mesmo, falta moito por contar, estudar e analisar sobre aqueles momentos e acerca das forzas que interviñeron dun xeito activo nos acontecimentos. Unha desas forzas foi Organización Obreira (OO), que tivo unha vida moi curta, pero as mobilizacións do 72 en Vigo non se poden contar sen salientar o seu papel. Ademais, Vigo tivo un papel sobranceiro no medre posterior do nacionalismo no eido sindical. Foi nesta cidade onde primeiro se deu o achegamento entre movimento obreiro e nacionalismo, para alén do anedótico. O xurdir de OO e as suas relacións coa Unión do Povo Galego (UPG) e Galicia Socialista (GS) teñen moito que ver con este feito histórico, que mudaria a história do nacionalismo e (posibelmente) da Galiza actual. Pero neste artigo quero centrarme en OO, aproveitando para iso as notas que alguns militantes desta organización me pasaron, e outros documentos e textos sobre a época.

O pacto pola liberdade

O movimento obreiro nunca estivo totalmente morto durante a ditadura franquista, nen mesmo nos anos duros posteriores á Guerra Civil. Lembremos as protestas de 1946 en Bazán de Ferrol e Álvarez en Vigo ou a detención en 1948 de dúcias de cotizantes e militantes da CNT. Pero será a partir da apertura que trae consigo o Plano de Liberalización Económica de 1959-61 e a vixéncia de leis laborais menos represivas (Lei de Convénios Colectivos de 1958, Regulamento de Eleicións Sindicais de 1960, Decreto Lei de Conflitos Colectivos de 1962), cando se abre un marco que permite a reorganización real da clase obreira, ainda que será dun xeito clandestino, actuando (cando é posíbel) dentro do marco da Central Nacional Sindicalista. En 1958 o PCE dá os primeiros pasos para se implantar en Galiza, pero non será até 1966 cando se poida dicir que hai unhas Comisións Obreiras. En 1968 farase o primeiro encontro a nível galego, de comisións de fabrica, e en setembro de 1970 a primeira Asemblea Nacional. En Vigo faranse paros en 1962 (coincidindo coa folga de Astúrias) e importantes protestas en 1967. Neste último ano houbo mobilizacións na cidade tanto na rua como dentro das empresas; as reivindicacións eran basicamente salariais. As protestas continuarian durante os anos seguintes.

As Comisións Obreiras, ainda que hexemonizadas polo PCE, estaban integradas por unha militáncia moi diversa: comunistas, socialistas, anarquistas, galeguistas, católicos progresistas, ou sinxelamente demócratas que loitaban contra a ditadura. Estas sensibilidades distintas ian coller pulo cando o Partido Comunista se fixo máis dependente das directrices de Madrid, realizou mudanzas de estratéxia e foron abríndose maiores espazos para a participación militante. Tamén existia USO, mais tiña unha cativa implantación.

As Xuventudes Comunistas formáranse en 1968, e a elas incorporarianse en 1970 e 1971 Abelardo Collazo e Luís Alonso Riveiro. O primeiro acababa de voltar de Franza, onde estivera emigrado traballando na Citröen (da que foi despedido) e na construción. Pola sua parte Alonso Riveiro era estudante na Universidade Laboral de Xixón, da que seria botado en 1971, pola sua actividade política. Á súa chegada a Vigo é responsabilizado da dirección das XXCC. Ambos os dous eran amigos da nenez, e xa organizaran en decembro de 1970 protestas en Vigo contra o Proceso de Burgos.

As XXCC foron medrando e tiveron un “bulideiro espallamento da organización que axiña chegou a abranguer as fábricas máis importantes de Vigo; dos estaleiros: Barreras, Vulcano, Freire, Ascón, Santo Domingo; do téxtil: Cortemáns, Dreslock, Elcon; da construción: Beyre, Misa e Costas, Termac; de conservas de peixe: Massó, Pescanova; e outras como: Álvarez, Censa, Citroën, Forjas del Miñor, Refrey, Cober, etc.” (1).

A primeiros da década dos 70 o Partido Comunista de España (PCE) dá un novo paso na sua política de illar (a calquer custo) o réxime de Franco co “Pacto pola Liberdade”. Esta viraxe causou moitas dúbidas entre a militáncia, especialmente a máis nova, que albiscaba que isto podia rematar nunha substitución da ditadura sen as fondas mudanzas que cumprian (non se trabucaron moito).

Estaba, ademais, como un elemento de afastamento entre o PCE e as XXCC, o problema nacional de Galiza, xa que o PCE non facia traballo prático sobre o carácter diferencial de Galiza e a loita pola autodeterminación (era unha reivindicación teórica, que remataba no recoñecimento da autonomia). Non seria casual que en abril de 1971 realizasen as mocidades unha manifestación en Vigo á marxe do partido. A manifestación fixérase para comemorar a Revolución de 1846 e como homenaxe ao patriota Antolín Faraldo, e foi detida unha persoa que portaba unha bandeira galega, Xavier Alonso Salgueiro, polo que era coñecido nos ambientes nacionalistas como o "mozo da bandeira". Seria condenado polo Tribunal de Orde Público (TOP). Sobre o particular dirá Luis Alonso Riveiro, nunha entrevista realizada por Teima en 1977: “E, falando de nacionalismo, lembro agora que a primeira manifestación deste tipo que se fiixo en Vigo nos últimos corenta anos estivo preparada e convocada polas Xuventudes Comunistas, onde militaba Abelardo Collazo e mais eu a princípios desta década. A manifestación fixérase para comemorar a Revolución de 1846 e como homenaxe ao patriota Antolín Faraldo”.

De vagar van medrando as diferenzas co PCE, xa que no verán de 1971 as XXCC pronúncianse contra a participación nas Eleicións Sindicais “porque sustentan unha institución que non agrupa nengun obreiro e só serven para reprimilos” (2). Así mesmo, ese ano suceden dous feitos que terán transcendéncia:

- Por unha banda, realízase unha reunión entre a dirección do PCE e as XXCC, das que sae un acordo polo que se integra a Hierro Chomón (de orixe basca, traballador de Barreras) no Comité Central do PCE de Galiza, e a Abelardo Collazo no Comité Local de Vigo. Deste xeito preténdese salvar as fendas existentes entre as duas organizacións.

- Por outra parte, Alonso Riveiro que estaba facendo o servizo militar en África contacta cun antigo camarada do PCE, que agora milita en OM-LE (Organización Marxista-Leninista de España). Este é un partido “nacido en Franza, entre exilados e emigrados, cun carácter radical e pro-chino (3) (...) nacera cando, cos acontecimentos de París de 1968, se xuntaron exilados do Partido Comunista Marxista-Leninista e do Partido Comunista de España (Internacional)), que pretendian reconstruir o PC” (4). A partir desta relación ábrese un contacto entre alguns membros das XXCC e a OM-LE que se manterá até a desaparición de OO. Engádese asi, ademais dos enfrontamentos obxectivos coa direción do PCE, un factor subxectivo externo, polo que a ruptura é cuestión de tempo.

Nace Organización Obreira

Nas eleicións a enlaces e xurados de empresa de 1971, mália estar en suspenso o artigo 18 do “Fuero de los Españoles” o que supuña todo tipo de atrancos ás reunións, CCOO acadaria un importante avanzo: “con estes resultados demostrouse que mália a represion as Comisións non perderan o apoio conseguido en 1966, senón que avanzaran moito, pasando a controlar a maioria dos xurados das grande sempresas de Galicia” (5). En novembro de 1971 as Comisións Obreiras realizaron a “2ª Asemblea Nacional de Galicia”, onde se evidenciou o aumento da militáncia e o maior nível de coordenación existente, xa que asistiron traballadores das catro províncias. Segundo Gómez Alén “a madureza teórica conseguida permitiulles asumir a especificidade nacional de Galicia e realizar unha fonda análise económica, que os levou a sinalar que a situación de Galicia era dunha nacionalidade oprimida e discriminada, e como consecuéncia disto apresentaba un atraso económico e social considerábel respeito ao resto de España” (6). Habia polo tanto a esta altura un peso importante (nas grandes empresas) da oposicion ao franquismo e unha coordenación, tanto a nível de Galiza como local.

No caso de Vigo esta coordenación entre traballadores das distintas factorias faciase através da INTER. Existindo dentro do PC, como xa se dixo, duas sensiblidades, tanto ao respeito do Pacto pola Liberdade como sobre a cuestion nacional de Galiza, que se manifestaban a cotio e ian a máis. Seria nunha xuntanza da INTER a finais de 1971, en Vilar, no soto sen luz dunha casa na estrada que vai de Peinador a Redondela, onde se reuniron entre outros: Waldino Varela, de Vulcano; Xaniño; Manuel González Andrade e Ramón González Costa, de Barreras; Xosé Anxo Garcia Méndez, de Freire; Isidro Gómez Montes e Xesus Chaves, de Citroën; Juan Benavides, por Aunaval... (Segundo contan militantes de OO) Na reunión houbo palabras fortes entre as duas tendéncias que xa habia daquela en CCOO. Todo encetou cando Waldino e Benavides acusaron de divisionista a Xosé Anxo Garcia Méndez que propuña que se debatera nas fábricas sobre o “Pacto pola Liberdade” e a folga que estaba a preparar o PC. Os militantes de OO entendian que folga si, pero “tomando e dirixindo a loita na rua, demisións de cargos sindicais para reforzar a folga, loita á marxe dos cargos legais” (7). Xose Anxo espetoulles que eran uns traidores. Producíronse máis insultos e palabras fortes e empurróns. Esta foi a ruptura real, mais non a orgánica. Ainda que, na prática, comezou a se facer desde aquela política afastados, por unha banda o PCE e pola outra OO.

A ruptura definitiva (pública) produciuse posteriormente na asemblea do Alto de San Colmado, perto de Zamáns. Era un frio domingo pola mañá, no mes de xaneiro de 1972. Entre os piñeiros xuntáronse perto de 120 militantes do PCE, XXCC e OO. Ali ficaron patentes as diferenzas. Por parte da liña oficial do PCE falaron, entre outros, Waldino, Benavides, Andrade e Vaqueriza. Intervencións que foron rebatidas desde as filas dos que se opuñan ao “Pacto pola Liberdade”, por meio de Hierro, Abelardo, Ramón González, Xosé Anxo, etc. Despois dun debate tenso, as persoas críticas coa liña oficial optaron por deixar a xuntanza. Ainda seguiron os “críticos” várias semanas máis organizados en CCOO, até que en abril quedou artellada Organizacion Obreira definitivamente, ainda que a idea (ou a sua xestion) viña desde outubro de 1971, aseguran os militantes de OO.

A aposta dos “críticos” non era doada, xa que CCOO era unha organizacion sindical consolidada desde habia anos nas grandes factorias de Vigo e cun gran prestíxio. E contaban ao seu favor cun núcleo de mozos entusiastas, alguns membros do partido con peso (Manuel Pousada, Hierro Chomón, Ramón González Costa), e unha postura máis radical fronte aos problemas laborais (que recolia o sentir dunha parte importante da clase obreira nese momento), asi como un maior vencello á realidade do país. A sua primeira proba de lume vai ser a solidariedade coa loita dos traballadores da Bazán en Ferrol, por mor dos acontecimentos do 10 de Marzo, nos que a policia franquista asasinou a dous traballadores e feriu a várias dúcias máis. Non parece casual que OO se apresente en “público” en abril dese ano, unha vez que pasaron os paros e mobilizacións de solidariedade, nos que se fixeron notar nas manifestacións.

Os primeiros pasos

Unha vez que se coñecen os graves feitos de Ferrol princípian as reunións entre as duas ponlas nas que estaba fendida CCOO, xa que OO ainda non aparece con claridade como unha alternativa á marxe, senón que semella máis unha tendénci interna, que alguns pensan que ainda se pode reconducir. Desde o dia 11 até o 16 realízanse paros nas empresas máis importantes da cidade, e os militantes de OO (moito máis activos) acadan un certo protagonismo. Por exemplo na manifestación convocado por CCOO na Porta do Sol na que OO gaña a dirección; isto alenta o nacimento público da nova organización sindical, ao que hai que sumar: as diferenzas coa dirección de CCOO e o PCE no xeito de levar a loita e a oposición ás negociacións que se realizan co Governador civil para rematar o conflito. En abril deuse unha nova loita nunha pequena empresa, Talleres Kober, adicada a montaxes e reparacións eléctricas, cun cado de persoal de 35 traballadores. As condicións laborais nesta factoria eran penosas, tanto en matéria de seguridade e hixiene como na falta de recoñecimento das categorias. Un dos peóns, canso desta ilegalidade, xa que facian traballos de oficial, negouse a seguir realizando tarefas que non lle corespondian, polo que foi despedido. Ante esta represión, os demais pararon. Despois de 17 dias de folga, a patronal cedeu, conseguindo non só evitar o despedimento, senón aumento salarial para todas as categorias, e mellores condicións de seguridade. Á fronte desta loita estaban tres militantes de OO, o que lle deu máis azos á recén nacida organización.

En Maio comeza un conflito que se alongaria a outras empresas da cidade. Neste caso a muxica chouta en Barreras por mor do convénio. O conflito alongariase desde o 9 ao 31 de maio. Durante esta xeira houbo paros totais na empresa, que se estenderon a outras de Vigo por solidariedade, ate abranguer a perto de 8.500 persoas (incluindo Citroën). Durante esta loita –na que destacou Ramón González Costa, militante de OO–, houbo manifestacións, “saltos” e corte de ruas con obxectos diversos. Pretendiase con estes métodos evitar a represión das FOP (Forzas de Orde Pública), que mallaban e detiñan a moitos operários nas protestas e mobilizacións.

Consolidación organizativa

Ao remate dos conflitos de Talleres Kober e Barreras OO atinxira un amplo predicamento entre a clase obreira de Vigo e acadaba unha maior homoxenizacion interna, aumentando a confianza nos seus dirixentes. Ademais contaba cun voceiro "Organización Obreira" do que sacou 9 números (desde outubro de 1972 ate xaneiro de 1974), e no Salnés editaba un boletin dirixido ao sector do mar, chamado "O Noso Mañán". Existia unha estrutura formada por unha dirección (Comité Executivo) e vários Comités de Zona, onde se integraban células de militantes e simpatizantes. Tiña un aparato de propaganda (que seica fora pasado por Moncho Reboiras da UPG), a cargo de Xil Araújo, que foi detido casualmente durante a folga de setembro; na comisaria mallaron nel moi duramente.

Resulta pouco doado saber cantos militantes habia en Organización Obreira (hai moitas versións), pero serian aproximadamente un cento, o que era unha cifra importante na época, máxime tratándose de persoas moi activas. Alguns militantes cos que falei indican que habia tamén organización noutras cidades e vilas do país, xa que OO tiña a pretensión de ser unha estrutura nacional e non local. Á altura de Maio de 1972 habia en Vigo un Comité central integrado por 10 persoas e 3 Comités de zona (Travesas-Bouzas; Teis; Cabral-construción). A maior parte dos militantes eran traballadores mozos, non poucos estudantes. A maioria eran homes, pero tamén había mulleres, como Mara, de Álvarez, Pilar, de Dreslock, Lolí Miguez (de Coia) na Artística ou Aurora Pereira Caride na Metalúrxica, Pilar Novoa, etc. Cando a aparición de OO, ou ao pouco tempo, nace a OM-LG (Organización Marxista-Leninista de Galicia); esta organización queria ser o partido onde se nucleasen os militantes máis politizados. Reproduciase deste xeito o esquema organizativo tradicional dos partidos de esquerda. Ademais de militantes das Xuventudes Comunistas incorporáronse á OM-LG e OO militantes do PCG-PCE (Hierro, Manuel Pousada Covelo, etc), e persoas que estaban á marxe do Partido Comunista. A OM-LG foi recollendo en várias etapas (próximas no tempo) a outros militantes do PCG-PCE. “Moitos deles decidiron entrar na OM-LG na asemblea no monte de San Andrés; esta reunión foi presidida por Carlos Santiago”.

A folga xeral de setembro

Moito se ten falado de como e por que encetou o paro en Citroën en setembro de 1972, que seria a causa da gran folga xeral que durante duas semanas axitou a cidade de Vigo, e fixo que os ollos de moitos demócratas no mundo se fixasen en Galiza. Asi, mentres que desde OO se indica que foi unha montaxe do PCE para afortalar a sua política de reconciliación de clases e pacto pola liberdade, desde CCOO dan-se motivos exclusivamente laborais, que son retrucados desde OO co argumento de que durante a negociación do convénio en decembro de 1971, que rematou cunha norma de obrigado cumprimento, non se fixo presión nengunha sobre un tema que meses despois ia ser a causa dun “paro á brava”.

O dia 8 apareceron pola fábrica panfletos asinados por Comisións Obreiras convocando a unha folga ao dia seguinte, indicando que non se tiña que traballar o sábado á tarde. O paro foi parcial, pero a empresa despide a cinco traballadores. Esta atitude represiva axuda á unidade de acción entre OO e CCOO e estende a folga a outras empresas da cidade. Ese mesmo dia sumáronse várias fábricas á folga: Vulcano, Satodomingo, Álvarez, Artiscar e Barreras. Ou sexa, sobre 10.000 traballadores en paro.

A folga acadaria a súa máxima amplitude os dias 14, 15 e 16, nos que a prensa fala de 14.000 e 15.000 traballadores en paro. O Faro de Vigo do dia 15 de setembro afirma “o número de obreiros vigueses en folga aproxímase aos 15.000 e non hai solución imediata... empresários e traballadores do metal chaman á normalidade laboral”. Mesmo algun meio no exterior eleva esta cifra a 27.000 operários en folga, como a prensa arxentina. O dia 16 o paro era xeral “no sector industrial e esténdese a diversas empresas da bisbarra de Vigo. A unidade e o papel que xogaron as asembleas permitiron-lles aos traballadores manteren vivo o conflito máis tempo apesar da represión que se manifestaba en detencións de obreiros e enlaces e na dureza das cargas da Policía Armada” (8).

Durante o paro houbo manifestacións diárias, a policia (os grises) actuou cunha gran contundéncia e foi reforzada por “especiais” e gardas civis vidos dos concellos máis próximos. Houbo situacións nas que se chegaron a contar até 31 jeeps (martes 19 nas portas de Citroën), e un gran despregue de efectivos. A medida que aumentaba a represión, e a policia tomaba as ruas e portas das empresas, o movimento obreiro optou máis polo “salto” e a construción de barricadas. Era un tipo de loita na que se movia mellor a militáncia de OO. Habia un Comité de Folga formado principalmente por militantes desta organización, pero tamén da UPG e independentes ou afiliados a CCOO que estaban á marxe da disciplina do PCG-PCE. Neste conflito (e os anteriores) xogaron un papel importante un grupo de avogados progresistas (Randulfe, Elvira Landin, Álvarez Gándara) e o Movimento Democrático de Mulleres de Galicia (MDMG).

O dia 20 foi detido Casimiro Xil Araúxo; di sobre o particular o documento de militantes de OO elaborado en 1979:

“Por casualidade descobre a policia esa noite o aparato de propaganda de OO. O compañeiro que o tiña traballaba de camareiro e chegaba tarde á casa, un ático na Travesia de Vigo. A policia parouno e pediulle o DNI, perto da casa; como non o tiña foron con el á casa. Ali atoparon o aparato de propaganda. Levárono a Comisaria e permaneceu detido. Estivo 11 dias durante os cais mallaron nel e torturárono, sen que fosen quen de lle quitar nada en limpo, pois o seu único contacto era un membro do Comité Central de OO. Ademais ao saber a organización que estaba detido rachou toda relación, polo que non puideron avanzar as investigacións ao resto de OO”. A medida que pasan os dias a ocupación policial é máis efectiva.

Especialmente despois do 14 de setembro, no que chegan a Vigo duas bandeiras da Policía “especiais” e uns 500 garda civis chegados dos arredores. A folga vai perdendo forzas, e os “saltos” e “barricadas” son cada vez menos; vários militantes de OO caen detidos e outros pasan á clandestinidade ou foxen. Todos os testemuños coinciden en que a “secreta” (a Brigada Político-Social, na que salientan Waldo Lopez Mazaira, Otero, Rivera, Pardavila, Nieto, “Cañoto”...) "ten como obxectivo eliminar os dirixentes máis combativos e incómodos, ou sexa a aqueles que integraban Organización Obreira, polo que será a organización onde peta máis forte a represión"(9), ainda que tamén haberá outras forzas afectadas, xa que serán detidos militantes de Comisións, UPG, Galicia Socialista, etc.

O paro xeral alongouse ate o dia 26, cando Vulcano voltou ao traballo; un dia antes xa o fixera Citroën. Salienta este paro: pola solidariedade acadada e a sua extensión á maioria das empresas da cidade; o peche patronal e envio de cartas de despedimento, até 6.000, que quedarian ao final en perto de 400. Destes últimos: 37 en Citroën, 27 de Álvarez, 22 en Vanosa, 19 en Barreras, 12 en Ascón Ríos, 11 en Vulcano, 10 en Freire, 9 en Censa, etc. Desta loita obreira exemplar, por riba dos erros de apreciación sobre se era ou non o momento de iniciala, destaca a amplitude de convocatória na clase obreira de Vigo e a capacidade dun extenso sector da vangarda para tomar as ruas, mediante “saltos” e construción de barricadas. Resulta ademais significativo tamén o apoio acadado nunha parte considerábel da povoación “a policia cargou contra os traballadores, tendo que refuxiarse no Mercado de Teis, onde entraron os grises a desaloxalos, sendo recibidos cunha chuvia de peixes e froitas guindadas polas mulleres, en solidariedade cos obreiros parados; sobre dieir que tamén mallaron nas mulleres”(10).

A desfeita

A represión apura o desmantelamento de OO e da OM-LG, que xa tiña daquela importantes diverxencias internas. Pódese dicer que habia duas grandes tendéncias, a dos que pulaban reconstruir o Partido Comunista, e integrarse en OM-LE (Organización Marxista-Leninista de España), e a daqueles que estaban por manter e potenciar unha organización nacionalista, e que concidindo nisto coa UPG buscaban a unidade de ación e orgánica con este partido, co que xa fixeran mobilizacións conxuntas en agosto do 72... sentianse estes militantes de OO e da OM-LG como o núcleo de clase desde o que construir un partido e un sindicato netamente galegos. Ademais a UPG tiña algun predicamento entre sectores da mocidade máis inqueda, e Moncho Reboiras mantiña relación con militantes das Xuventudes Comunistas e do PCG-PCE, como Alejandro López Vilas (que con Abelardo Collazo organizara a Asociación Cultural de Teis). Non será casual que a UPG e OO fagan manifestacións conxuntas durante a folxa xeral de Vigo. Habia outras correntes menores, mesmo individuais, que xurdiron con forza cando rematou a folga de setembro do 72, que estaban pola volta a Comisións ou a incorporación a outros partidos de ámbito estatal.

Segundo a história oficial do PCR (nome que colleria a OM-LE), o primeiro contacto coa OM-LE dá-se de xeito casual, por meio de Alonso Riveiro, cando este facia o servizo militar en África. Un ex camarada do PCE, agora militante da OM-LE, serviria de canle. Este contacto, documentos e libros enviados posteriormente, e o engado que unha altemativa máis á esquerda parecera ter para os irmáns Collazo e Hierro Chomón abrirá o camiño. Segundo este mesmo texto, durante os primeiros meses de 1972, cando as relacións co PCE estaban máis tensas, será Abelardo Collazo o responsábel de manter os contactos. Desde esta versión, a entrada na OM-LE (Organización Marxista-Leninista de España) seria algo natural e planficado, que contaba cun amplo consenso en OO.

Ainda que Ribeiro e os irmáns Collazo afirman que a OM-LG non era máis que a versión galega da OM-LE, hai militantes que din que isto non é máis que unha casualidade (mália que a OM-LE foi quen quedou cos restos da OM-LG ao autodisolverse OO en xuño de 1974), xa que se lle chamara así no seu dia sen ter en conta isto e mesmo sen coñecer a existéncia deste partido estatal. Concretamente, sobre este tema outros militantes de Organización Obreira consultados, como Xosé Anxo Garcia Méndez (que foi Secretário de OO), dician que esta era unha organización comprometida desde un princípio coa problemática nacional de Galiza, e que as relacións coa OM-LE eran unhas máis(11). Outro tanto opina Xesus Chaves, que argumenta: que en todo caso abonda con ver cantos militantes foron para cada unha das organizacións... OO esgallou en duas metades e, ademais, alguns voltaron a CCOO e outros deixaron de militar. Esta apreciacion de Chaves, que traballaba en Citroën en 1972 (despedido pola empresa en represalia) parece ser a máis atinada.

Tampouco coinciden as informacións (entre uns e outros) sobre o momento no que princípian as relacións coa OM-LE e até que ponto son coñecidas por toda a militáncia ou só unha parte dela. Mentres que alguns din que veñen de 1971 e eran moi intensas en 1972, outros afirman que eran persoais e na maioria da militáncia mirábanse de esguello. De todos os xeitos, a finais de 1972 e primeiros de 1973, mália que un correspondente que enviaran a Vigo para seguir a folga ameazou con cortar as relacións por mor de que non lle facian moito caso, un sector numeroso opta por integrarse na OM-LE (Xil Araújo, Hierro Chomón –que estivo na cadea desde marzo até novembro do 72 por queimar un autobus–, os irmáns Collazo, Ribeiro Alonso, etc.). Outro grupo, tan importante como o primeiro ou máis, continuará intentando recuperar a organización. Deste último sector daranse moitas incorporacións en 1974 e 1975 ao SOG e á UPG (Garcia Méndez, Duarte, Xesus Chaves, Manuel Pousa, Ramón González, etc). Garcia Mendez tiña como alcume “Óscar” en OO, no que tivo en papel de dirección asi como na OM-LG, e “Felipe” no SOG e UPG. Méndez foi o primeiro detido por distribuir propaganda coas siglas de OO e botaria dous anos na cadea.

O certo é que, nalgun intre comezaron a conviver en OO duas culturas, ou xeitos, de ollar a situación nacional (ainda que ambas as mensaxes falasen de autodeterminación e da problemática específica galega), e foron abríndose dous camiños. Sen dúbida, a diferenza estaba no xeito de entender a autoorganizacion da clase obreira e do povo galego. Dos activistas que se integraron na UPG unha parte retornaria ao PCE(R) unha vez que encetou a transición e a UPG decide abandonar a clandestinidade. Houbo un gran debate sobre esta decisión, e vários militantes que proviñan de OO (ainda que non exclusivamente) argumentaban que isto nos ia colocar en mans da represión.

Mesmo hai militantes que apoian nos debates internos a alternativa de voltar a Comisións (como Pio Moa), ou que retornan axiña ou nos anos seguintes a este sindicato e ao PC (Antonio e Xosé Cameselle, etc). Uns poucos intégranse noutros partidos de esquerda (na LCR, por exemplo, con Xulio Villot facendo de contacto), e outros deixan a militáncia activa. Non se pode esquecer que vários militantes son detidos e outros foxen ou pasan á clandestinidade a finais de 1972, e o desartellamento permite que cada un leve auga para o seu muíño sen que haxa unha ruptura formal. Por iso hai tantas versións, e todo indica que desde a OM-LE (PCR) se buscou en OO e OM-LG unhas orixes que a permitiran aparecer como continuadores (en exclusiva) do prestíxio acadado en toda Galiza durante un ano tan rico en loita social.

Conclusión

Organización Obreira (OO), mália ser unha estrutura político-sindical que durou moi pouco tempo, foi importante na história do país e do nacionalismo (e non só do sindical) porque foi un estoupido no que daquela era non só o sindicato de clase hexemónico (e o partido), senón que incuestionábel, tanto pola sua traxectória como por contar cunha militáncia curtida e que exercia o liderato nas empresas. Organización Obreira nacia das entrañas de Comisións Obreiras; era unha revolta ante a postura dunha dirección pouco sensíbel ao tema nacional e que abandonaba cada vez máis a loita por un cámbio social e político profundo (Pacto pola Democrácia). De aí que, ainda que OO fracasou no seu intento de construir unha nova organización, política e sindical, axudou a abrir camiño para que a Unión do Povo Galego e o Sindicato Obreiro Galego tivesen un espazo importante dentro da clase obreira.

Foi, asi mesmo, unha escola de cadros que foron fundamentais na loita posterior contra a ditadura e na primeira década da transición. Moitos deles ainda seguen en activo. De entre eles quixera lembrar especialmente a aqueles cos que máis tratei: Anxo García Méndez, morto hai moi pouco e do que se falara no seu dia como proposta para secretário xeral da ING; Óscar Duarte, traballador de Vidrios La Florida, militante do primeiro intre no SOG, tamén falecido hai poucos anos; Xesús Chaves ("Castelao"), dirixente do SOG en Vigo, traballador do metal; e Ramón González, traballador do naval e dirixente en Barreras durante aquela etapa.

O ano 72 foi un ponto de inflexión na loita social e política en Galiza contra a ditadura franquista, na que Vigo xogou un papel sobranceiro. Unha xeira que non se pode esquecer, que cumpre revisar e lembrar, porque está unida ás nosas vidas e ao noso futuro. É unha etapa que, como todas, pode ter (e debe ter) moitas olladas; esta é unha delas.

Manuel Mera.

Anexos:

Alguns dados da Galiza dos 70


http://www.galizacig.com/documentos...

Marzo do 72: mobilizacións en solidariedade con Bazán


http://www.galizacig.com/documentos...

Conflito en Talleres Kober e Barreras


http://www.galizacig.com/documentos...

A folga de setembro en Vigo


http://www.galizacig.com/documentos...

Feitos históricos prévios a 1972


http://www.galizacig.com/documentos...

 Notas:

(1) Do apartado "La fusion de los comunistas gallegos con la OM-LE" do libro "Historia del PCR y de los Grapo".

(2) De "La fusion de los comunistas gallegos con la OM-LE".

(3) Do documento elaborado por ex-militantes de OO.

(4) Entrevista en Teima a Alonso Riveiro.

(5) As CCOO de Galicia, de Gómez Alén.

(6) As CCOO de Galicia" de Gómez Alén.

(7) De "O Grapo conta a sua história", A Nosa Terra nº 174.

(8) As CCOO de Galicia, José Gómez Alén.

(9) Do documento elaborado por miliantes de OO.

(10) Documento elaborado por militantes de OO.

(11) Xosé Anxo Garcia Méndez, xogaria un importante papel na formación do Sindicato Obreiro Galego (SOG). Morreu hai poucos anos.

Entrevista con Xesús Chaves

Manuel Mera- Información tirada dunha entrevista realizada en A Nosa Terra en 1997, nº 769

Cal é a valoración que realiza das loitas de 1972?

Mudan o curso da história, tanto política como sindical, no noso país. Até daquelas existia un monopólio total do PCE e de Comisións Obreiras, eran os motores do movimento obreiro. As únicas alternativas que se daban á situación que vivia Galiza eran as estatais. Para facerlle fronte á ditadura a alternativa era totalmente pactista, logo de que o PCE asinase coa burguesia, máis ou menos moderada, o seu famoso Pacto pola Liberdade. Esqueceran tanto o PCE como CCOO todos os princípios de loita no mundo do traballo en función dos seus intereses políticos. Por outra banda, negábanse a recoñecer que existia Galiza como tal, cuns problemas concretos. Eu comecei a militar en Comisións en 1966, na Citroën, e en 1971 axudei a fundar Organización Obreira.

A anterior análise foi a que levou á ruptura en Comisión Obreiras?

Os elementos máis combativos, diría que tamén máis lúcidos, saíronse tanto de CCOO como das Xuventudes Comunistas e formaron Organización Obreira. Esta foi a vangarda das loitas posteriores, nomeadamente as de 1972. Organización Obreira naceu con afán de lanzar á sociedade alternativas nidiamente galegas. O motor foron as Xuventudes, pero era a xente máis representativa dos estaleiros e das grandes fábricas, por iso, na prática, pudemos superar as alternativas do PCE e CCOO.

Por que cualifica de loita pantasma a de Setembro?

Naceu para reivindicar ou non traballar os sábados á tarde, cando habia pouco tempo que se asinara o convénio. Só deron arrastrado unha nave de Citroën. A represión da patronal levou a que se decretasen once despedidos simultáneos. Ese foi o verdadeiro detonante do conflito e cando verdadeiramente se puxo en marcha Vigo e en pé de guerra durante duas semanas. A povoación solidarizouse cos folguistas en moitas ocasións. A forma de actuar do sistema franquista fixo que a xente se puxese ao noso favor. Non foi unicamente un conflito laboral. Houbo un estado de excepción prático. Lémbrome, por exemplo, da solidariedade das peixeiras.

Cando racha a folga, moitos tivemos que fuxir, outros moitos foron á cadea e, moitos máis, represaliados laboralmente. Pasei un ano no estranxeiro. Cando voltei, entrei a traballar nunha contrata en Barreras e, ao pouco tempo, contacto coa xente do SOG e entro a militar tamén na UPG.

http://www.galizacig.com/documentos...

A manifestación do dia 14 na Porta do Sol

  Manuel Mera- Información tirada do Terra e Tempo, voceiro da Unión do Povo Galego (UPG)

Para o dia 14 fora convocada unha manifestación na Porta do Sol, á cal acudiu o povo de Vigo en número próximo aos dous milleiros, algo moi importante, xa que foi a cifra máis alta que se ten dado até hoxe.

Os berros que se deron eran: “asasinos”, “estamos co Ferrol”, etc. Foron concentrándose no meio da praza unha morea de policias traídos especialmente desde Valladolid, nunha cifra de 200. Cargaron durante horas, polo que tiveron tempo –“os grises”– de mallar en vellos, mulleres con nenos no colo, etc.

Segundo a información que nos chega foron detidas unhas 17 persoas... Hierro Chomón foi detido nunha manifestación posterior fronte á Casa Sindical. Por non pagar unha multa de 50.000 pesetas está cumprindo condena. Abelardo Collazo Araúxo e Ánxel Collazo Araúxo foron detidos no mesmo lugar que Chomón e por pagar canda as suas multas de 50.000 ptas están a cumprir cadea...

http://www.galizacig.com/documentos...

A estrutura de Organización Obreira

Manuel Mera

A estrutura de Organización Obreira (OO), unha vez realizada a escisión, era a seguinte:

O Comité Central estaba formado por: Abelardo Collazo (Alfonso); Antonio de “Barreras” (Napo); Ramón González (Valentín); Manuel Pousada; Luís Alonso Riveiro (Ponte); e Hierro Chomón (Julián).

A Fronte Militar (unha estrutura de caracter defensivo): Abelardo Collazo e Hierro Chomón.

Axitación e Propaganda: “Napo” (o aparato estaba baixo o control de Xil Araúxo, que mantiña relación exclusiva con Abelardo Collazo).

CZ1: “Valentín”; Xesús Chaves (Castelao); Xosé Ánxel García Méndez (Óscar); Feijoo (“Issac”, un estudante). Esta zona contaba con tres células: Barreras, 7 militantes; Citroën, 3 militantes; Freire, catro militantes. E un subcomité, con tres células: de bairros, 4 militantes; de estudantes, 10 militantes no Inst. Feminino, Inst. Masculino, Calvário e a Guia; unha célula de talleres, con Baena Made e “Juan”.

CZ2: “Alfonso”, Carlos Santiago e Suso. Estaba integrada por tres células: Vulcano con 3 militantes; Ascón con 2 militantes; e Reyman con 1 militante.

CZ3: Mara, Ánxel Collazo (Foucellas), Zazo. Esta zona contaba con duas células: Álvarez, 4 militantes; da construción, con “Alfonso”, “Foucellas”, Zazo e “Julián”.

En total pouco máis de 50 militantes, pero que estaban situados nas principais factorias da cidade. Por outra banda, daquela a xente organizada era exclusivamente a vangarda.

http://www.galizacig.com/documentos...

A estrutura militante de Organización Obreira no verán de 1972

  Manuel Mera

A finais de maio Organizacion Obreira (OO) xa era unha forza que dobrara en activistas e presenza social desde a ruptura con Comisións Obreiras. Moitos dos militantes, especialmente os responsábeis de célula, eran membros do Comité de Empresa onde traballaban.

Daquela a metade dos xurados era elexida polos operários e a outra metade pola empresa. "A representacion dos obreiros estaba copada por CCOO e OO, á parte dalguns ’independentes’ ligados a grupos cristiáns ou galeguistas cunha incidéncia cativa".

Comité Central: 10 persoas, incluído o responsábel de propaganda e Fronte Militar.

Comité Zona 1: (Zona Travesas-Bouzas): 5 responsábeis.

Neste Comité estás as células de Citroën, Freire, Barreras, Kober e un subcomité onde estaban integrados os militantes dos pequenos talleres e bairros.

Célula Citroën: Responsábel Castelao: 4 militantes; unha subcélula de 10 simpatizantes, e 3 coches a disposición de toda a organización, que se empregaban mesmo en accións de tipo militar.

Célula de Freire: responsábel Óscar, 4 militantes; unha subcélula con 4 simpatizantes.

Célula de Barreras: responsábel Valentín, 6 militantes; duas subcélulas cun total de 12 simpatizantes.

Célula de Kober: responsábel Laracho, 3 militantes; unha subcélula con 2 simpatizantes.

Subcomité de Zona: responsábel Isaac, 1 célula de estudantes (Instituto Masculino, Feminino das Travesas, A Guia, Calvário), 1 célula de pequenos talleres, 1 célula de bairros.

Comité de Zona 2: Zona de Teis, 3 responsábeis.

Célula Vulcano: Responsábel Sebastián, 2 militantes; unha subcélula con 3 simpatizantes. Os militantes de OO estaban en contratas, xa que o PC mantiña a sua hexemonia.

Célula de Ascón: responsábel Carlos, Santiago, 2 militantes; unha subcélula con 4 simpatizantes.

Célula de Reyman: habia nela 4 militantes. Distinguiase esta empresa pola sua solidariedade.

Comité de Zona 3: (Cabral, Construción).

Célula de Álvarez: responsábel Mara, 2 militantes; 1 subcélula de simpatizantes.

Célula construción: 5 militantes (Termac, Dragados), 3 subcélulas de simpatizantes.

http://www.galizacig.com/documentos...

Conversa con Luís Alonso Riveiro

  Manuel Mera Información tirada da revista Teima

A OMLG –comenta Riveiro– naceu da converxéncia de dous grupos que, esquematicamente, se poderian chamar, respectivamente, liña política e liña militar daqueles mozos comunistas. O primeiro estaba composto pola totalidade da xuventude comunista galega: Éramos un verdadeiro partido paralelo ao seo mesmo do Partido Comunista de Galicia e levábamos adiante estudos sobre o marxismo-leninismo e coa combinación de acción violentas. Levábamos adiante, mesmo, o castigo de esquirois durante a folga xeral. O grupo militar, pola sua banda, tamén nacera de elementos á esquerda de Carrillo e para levar adiante, tamén, sistematicamente, o castigo de esquirois. Esta segunda liña foi a que destruíu, xusto despois do proceso de Burgos a fins do ano 1970, antes de se xuntar connosco, dous jeeps e un autobus da policia diante da comisaria na rua de García Barbón, acarón da igrexa de Santiago de Vigo. Nesta acción caíu Hierro Chomón, que agora mesmo anda fuxido.

O cúmio do PCG –subliña Riveiro– chegounos a oferecer postos e distintos cargos para que non se consolidase a escisión. A Hierro Chomón, por exemplo, nomeárono membro do Comité Central do PCG nun intento de integrar a corrente esquerdista do Partido. Pero non lles valeu de nada... En xaneiro de 1972 nacia a OM-LG, e meses despois no Nadal, fusionábase coa OML de España, criándose un só comité de dirección.

http://www.galizacig.com/documentos...

Conversa con Ramón González Costas

  Manuel Mera

Alguns anacos dun longo texto de lembranzas sobre a época e OO, por Ramón González Costas

Mira, o bairro de Teis tivo un gran protagonismo daquela; ali vivian Moncho Reboiras, os irmáns Collazo, Abelardo e Anxo, Alonso Riveiro e Pepiño (Xosé González)... Abelardo Collazo e mais Alejandro López Vilas organizaron a Asociación Cultural de Teis... Alejandro foi unha persoa clave para OO e para OM-LG; nunca militou na OM-LE. Aproveito para che dicir que Xosé Anxo Garcia Méndez foi o primeiro condenado por repartir propaganda de OO na Porta do Sol, na que se denunciaba que os "grises" (policia) deixaran cega a unha estudante en Compostela na loita de xaneiro-febreiro dese ano.

Facíamos o xornal denominado "Orgaización Obreira" que chegou até o número 9, desde outubro do ano 72 deica xaneiro do ano 74; daquela pasou o aparato de propaganda a un piso franco en Marin, até xuño do ano 74, que é cando as OO se autodisolven... A OM-LG pregouse e foron absorbidos pola OM-LE os poucos militantes que quedaban, e ainda mantiñan as siglas... A OM-LG tiña un xornal que se chamaba "Setembro Roxo" que desapereceu coa integración na OM-LE.

Foron moitos homes e mulleres de OO que tiveron que tiveron que fuxir para Alemaña e Franza despois das folgas de setembro en Vigo, a traballar fóra de Galiza, nas plataformas, nos estaleiros, na construción, en Ferrol, na Coruña, en Astúrias, en Madrid, en Barcelona, sendo despedidos en canto o empresário se enteiraba do seu pasado, ao que chegaban ás suas mans as famosas listas negras. Os/as que saíron da cadea, ou ficaron, ou voltaron a Galiza, a Vigo, Ferrol, etc., e colaboraron a organizar o SOG, pasando a ser membros desta organización sindical.

http://www.galizacig.com/documentos...

Abelardo Collazo Arauxo

http://www.presos.org.es/ARCHIVOS/c...

Portafolio

Abelardo Collazo
Doc: JPEG
Peso: 12.1 KB
Res: 244x310 px

Versión PDF: Descargar artículo en PDF | Enlace permanente: info.nodo50.org/4771