Galego, garantía de futuro (Manifesto e movilizacións)

16 de mayo de 2015. Fuente: Queremos Galego

O galego garantía de futuro, ten pasado e presente. É a máis grande obra colectiva do pobo galego. Galiza, o galego, non desaparecerá mentres non deixemos de usalo, mentres nós reivindiquemos a súa normalidade e actuemos no noso día a día para revitalizalo.

O galego ten presente porque malia o decretazo contra o galego, as reformas na administración, a limitación de recursos que permitan usalo na xustiza, na sanidade; malia a continua utilización de toponimia deturpada no transporte e sinalización en estradas, vilas e cidades; malia a súa exclusión da igrexa ou de empresas que reciben abondosas axudas públicas; malia todas as dificuldades e exclusións forzosas que nos limitan para vivirmos nel con absoluta normalidade, usámolo sempre, en todo e para todo, facéndoo por nós útil e vivo.

Mantémolo a pesar de termos un goberno que a través dun decretazo reducíu a súa presenza no ensino ou o prohibiu para as matemáticas, a física, a química e a tecnoloxía. Mantémolo aínda que por acción ou omisión a Xunta néganos a posibilidade elemental de recibirmos, ou mesmo de optarmos polo galego no audiovisual, na dobraxe, no lexendado de filmes e series, nos servizos de atención telefónica, na etiquetaxe, na formación profesional a distancia ou na formación de adultos, na administración electrónica, na xustiza ou na saúde, nos xoguetes e xogos infantís e xuvenís.
Usámolo os 365 días do ano, os sete días da semana e as 24 horas do día, non só o 17 de maio. Insistimos no uso da lingua porque é a nosa, a de todos e todas as galegas, e queremos que viva e vivir nela, porque é a existencia de Galiza e porque existir é a nosa maior necesidade.

Hai unanimidade en que os datos estatísiticos sobre o uso do galego na xente máis nova supoñen un grave problema. Mentres, o goberno da Xunta, que debe a súa propia existencia á lingua galega, só mostra falsa preocupación ou realiza hipócritas declaracións sobre o noso idioma.

O goberno que lexislou contra o galego quere facernos crer que co anuncio dun suposto Plan para elaborar un documento estrutural básico de dinamización da lingua galega no tecido económico, xa está solucionado o problema do descenso do uso do galego e todas as limitacións para a súa normalidade. A lingua galega non precisa propaganda. Precisa accións concretas a favor dela como as xa aprobadas unanimemente hai dez anos, no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega e sobre as que só tivemos retrocesos. O galego precisa tamén dun goberno que deixe de lado a irresponsabilidade e asuma as funcións que ten encomendadas, apoiando un amplo movemento que neste momento actúa en solitario todos os días.

A Xunta de Galiza ten que defender a lingua non só porque é a súa obriga mais tamén porque é o principal factor de cohesión social e de unidade, e porque ningún pobo pode progresar de costas ao seu idioma.

Hai outros gobernos, como os das institucións locais, que deberían estar máis próximas ás sensibilidades e preocupacións dos cidadáns e cidadás, onde tamén se poden aplicar as medidas contempladas no Plan xeral de normalización da lingua galega, para repor a nosa lingua en todos os espazos que nunca debeu perder e para restaurar o seu uso como lingua propia e oficial. Aínda así, son cada vez máis os que exclúen a lingua galega, nomeadamente dos servizos externalizados ou privatizados.

O futuro do galego, o noso máis importante sinal de identidade colectiva, é unha demanda social, a da nosa existencia colectiva, que os gobernos deben ouvir e atender para actuar. A garantía de futuro do noso país é o galego.
Queremos galego, e activámonos como sociedade para telo e repolo nas rúas, nas escolas, nos parques, nos centros de traballo, nos medios de comunicación, na música, na literatura, na saúde, na xustiza e na administración. Queremos galego e precisamos pasos adiante, non retroceder sobre os acordos, para reverter por fin un proceso de substitución lingüística que nos debilita e nos limita como país.

Por iso hoxe estamos nas prazas e rúas de Galiza, para dicir ben alto:

Queremos Galego, Queremos Galiza con futuro!

Mobilizacións 17 de maio


Versión PDF: Descargar artículo en PDF | Enlace permanente: https://info.nodo50.org/5531