A loita polos dereitos da muller dunha condutora de autobús, vira nun calvario laboral

16 de enero de 2017. Fuente: Praza Pública

Un novo caso na situación de acoso laboral que hai anos que denuncia Nélida Pisco. O pasado 20 de decembro, a Dirección Xeral de Tráfico (DXT) comunicáballe a esta condutora profesional a suspensión cautelar de todos os seus permisos de conducir en resposta a unha solucitude de Autobuses de Calo (Hedegasa SL), que advertía que a traballadora supoñía un “risco para a seguridade da condución e para a seguridade dos viaxeiros”.

Oito días despois, e sen que se tivese comprobado a veracidade da acusación segundo denuncia a CIG, a empresa aproveitou para suspender o seu contrato. Agora, o sindicato acusa a DXT de "converterse en parte deste acoso laboral" polo que a central sindical ten presentada unha demanda pola vía penal na que solicita penas de cárcere para o empresario da firma de transporte e o encargado, ao que responsabilizan tamén de "violencia de xénero".

A DXT vén de suspender os permisos de conducir de Nélida Pisco tras a petición da empresa Autobuses de Calo

Porque a dura historia de Nélida Pisco vén de moi atrás, de 2009. Daquela, tras un aborto, un embarazo de alto risco e un parto prematuro, a condutora deu a luz unha primeira filla, cunha doenza conxénita e con necesidade de lactancia natural. Logo de solicitar as vacacións anuais e redución de xornada, a empresa negouse a cumprir a legalidade vixente. "Indicáronlle que o que debía facer era abandonar voluntariamente o seu posto de traballo e regresar cando tivera á filla criada para volvela contratar”, lembrou este mércores Lucía Freire, secretaria da Muller da CIG en Compostela.

O calvario da muller comezou cando pediu redución de xornada para poder coidar da súa filla en 2009

Pisco negouse e a xustiza deulle a razón, pero a empresa negoulle o traballo efectivo, deixouna fóra das instalacións que ten en Calo e obrigouna a permanecer dentro do seu vehículo particular toda a súa xornada laboral durante meses. Outra sentenza obrigou a compañía a concretar a súa xornada e funcións, pero axiña foi despedida en 2010 por, segundo a empresa, interferir no traballo dos compañeiros ou non entrgar os partes.

A xustiza volveu darlle a razón, declarou nulo o despedimento e condenou a Autobuses Calo a pagarlle unha indemnización por danos morais. Xa en xaneiro de 2011 tivo que ser readmitida pero desde aquela sofre unhas condicións pésimas ao ser privada de ter contacto cos compañeiros, recoller o autobús nunha parada e ter que deixar nela o coche particular, realizar os cursos para manter os permisos ao día pola súa conta ou ter que reclamar as vacacións por vía xudicial. "Os traballadores están ameazados para que non teñan contacto con ela e mesmo houbo varios despedimentos provocados por este motivo”, denuncia a CIG.

A xustiza deulle a razón varias veces por despedimentos improcedentes e Inspección denunciou "mobbing e psicoterrorismo" contra ela

En xuño de 2012, Inspección de Traballo denunciou a situación de "mobbing, psicoterrorismo ou acoso laboral" que sufría a muller, sancionou a compañía por infracción moi grave e a xustiza acabou por obrigar a empresa a indemnizar a traballadora con 10.000 euros. A compañía, ao tempo, intentaba que a muller abandonase o emprego a cambio de diñeiro. "Ela sempre defendeu o seu dereito a ser nai e manter o seu posto de traballo como unha cuestión de dignidade", lembra o responsábel do sector de Transportes da CIG de Compostela, Inácio Pavón.

Logo de todo este infermo, Pisco sofre agora unha suspensión de contrato que lle impide cobrar salario pero tamén ter dereito a prestación. Ademais, a CIG acusa a empresa e á mutua de utilizar informes médicos que son confidenciais para manipular a realidade "facendo ver que a traballadora está incapacitada para conducir un vehículo". A traballadora segue unha terapia de apoio para "superar as consecuencias derivadas do acoso laboral continuado o que se viu sometida ao longo destes anos" pero, segundo lembra o sindicato, aínda o pasado mes de novembro obtivo a licenza para transporte de explosivos e mercadorías perigosas, algo "para o que é imprescindíbel non padecer ningún tipo de trastorno incapacitante”.

Pisco leva anos loitando polo seu dereito a ser nai e manter o emprego e vén de ser suspendida de contrato

Ante esta situación, a CIG xa solicitou unha xuntanza conxunta cos concelleiros responsables do transporte metropolitano de Compostela, Ames e Teo para "coordinar accións que obriguen a Autobuses de Calo a rematar con este calvario". Tamén pediu unha entrevista coa conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, responsable última da concesión administrativa das liñas de autobuses dunha firma que será a empresa encargada dun novo servizo metropolitano circular na área de Santiago e ante a que piden a intervención da Xunta. Ao tempo, solicitarán nunha reunión urxxente coa DXT que deixe sen efecto a suspensión cautelar dos permisos.

A CIG pide penas de cadea para os empresarios por "acoso laboral e violencia de xénero"

Ademais, o sindicato iniciará unha campaña de mobilizacións -a primeira o vindeiro xoves 19 de xaneiro na estación de autobuses de Compostela- e unha campaña informativa no sector, ademais de presentar a través do BNG unha pregunta no Parlamento para que se posicione "sobre esta dramática situación de violencia de xénero nunha concesión administrativa da Xunta de Galiza".


Versión PDF: Descargar artículo en PDF | Enlace permanente: https://info.nodo50.org/5837